Presentación

Mulleres na rúa / Arte / Crítica / Debates / Fotografía / Gravado / Letras
/ Serigrafía / Tecnoloxía / Participación cidadá / Activismo / Audiovisual


Cruces entre as artes visuais, a investigación, as letras, a indumentaria, a tecnoloxía, o activismo, a crítica e unhas intervencións en rúa, que ao completarse coa mirada do espectador, contribuirán a producir unha panorámica ampla e plural das prácticas artísticas e das distintas manifestacións culturais, movementos e tendencias despregadas pola muller galega actual. Ademais das opcións artísticas e recreativas, o énfase destas xornadas será posto na experimentación e a participación cidadá.



OBXECTIVOS

A visibilidade da muller na produción cultural galega actual

A promoción dun espazo común de encontro e relación, para combinar esforzos e recursos nun proxecto aberto, que sirva para tecer rede, conceptualizar de maneira colectiva, relacionar proxectos e coordinar axendas compartidas para o futuro

A análise da diferenza de xénero como categoría e a reflexión crítica da cidadanía

A superación do binomio Igualdade versus Diferenza, entendendo que a anulación das diferenzas leva a un pensamento único dominante e dominador, polo que as producións das mulleres que integran o proxecto non teñen o seu propósito en ser iguais ás dos homes senón en cuestionar os códigos dunha orde que converte as diferenzas en desigualdades.




INTENCIÓNS

Aposta a ser como un xogo de espellos, que proxecte a multiplicidade do suxeito feminino, aberto ás percepcións de homes, mulleres e nenos, convocando a complicidade da ollada pública.

Desexa ser un mecanismo que a partir da difusión dunha pluralidade de producións, renove interrogantes, formule anhelos e amplifique as súas resonancias dando a palabra á cidadanía para construír creativamente novas identidades e sinalar as súas inquedanzas respecto da discriminación das mulleres.

Aspira a promocionar novos hábitos, nos ámbitos do público e o privado. Grazas ao humor, a ironía das actividades recreativas e a visibilidade na rúa, aspira a favorecer a captación de novos públicos e novas sensibilidades, impulsando a eliminación de estereotipos 




EDICIÓN 2011


Esta primeira edición defínese como unha práctica aberta, un pequeno acontecemento en permanente construción, autorreflexivo, que admite e favorece a diversidade de axentes e producións culturais. Entre as actividades inclúense intervencións artísticas en rúa, exposicións, actividades recreativas e presentacións teóricas e debates abertos ao público (fisicamente e na rede), entre outras.

Na ficha de participación (descargar aquí), enumeramos espazos e recursos que poñemos a vosa disposición. Espazos e recursos para a libre in(ter)vención, experimentación, crítica, exhibición, divulgación científica, editorial e asociativa, producida por mulleres.

En tempos de crise, desactivación cívica e abstencionismo da participación cidadá, a idea de levar adiante calquera proxecto, con escasos recursos, é un risco que asumimos con enerxía e agardamos se propague mediante o contaxio.

Agardamos que o proxecto sexa de voso interese e que poidades encontrar a vosa peculiar maneira de integrarvos, e agradecemos desde xa, as vosas ideas, invencións e adhesión.


Teófila Noemí Ruiz 
Deseño e coordinación do proxecto